A Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias e a Delegación de Ferrol da Federación Galega de Fútbol veñen de crear un grupo de traballo para adaptar o protocolo para a volta á actividade futbolística federativa aprobado recentemente pola Xunta de Galicia ás condicións particulares desta práctica deportiva nos concellos da Comarca de Ferrol.
Tal e como explica o coordinador da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, Daniel Lorenzo Mirón, entre os contidos a abordar neste novo documento destacan os protocolos e as normas para a organización dos horarios dos adestramentos e das competicións, o recibimento dos deportistas, o acceso e a saída das instalacións así como o acceso do público ás gradas das distintas instalacións deportivas. Dado que a situación sanitaria non é homoxénea no conxunto da Comarca, o documento contemplará normas para aplicar en función das restricións vixentes en cada momento e en cada un dos concellos que a integran.
Na redacción deste protocolo específico para a volta aos adestramentos e máis ás competicións de fútbol na Comarca de Ferrol participan o coordinador da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, Daniel Lorenzo Mirón, o presidente de Delegación de Ferrol da Federación Galega de Fútbol, Abrahan Yáñez, o coordinador de Seguridade do Concello de Ferrol, Santiago Troitiño, e o responsable de Prevención do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) do Concello de Narón, Simón Cabarcos.
Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias
A Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, promovida pola Universidade da Coruña e máis pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, naceu en novembro de 2019 co obxecto de unificar coñecementos e criterios para dispoñer de documentación científica sobre emerxencias e protección á hora de elaborar, por exemplo, ordenanzas municipais ou protocolos de actuación ante determinadas situacións.
Nos últimos meses, a comisión de seguimento da Cátedra estivo a traballar na elaboración dunha guía para a organización e autorización de espectáculos públicos e de actividades recreativas nun contexto de “nova normalidade”. A maiores, deseñou tamén un plan de actuación ante casos ou contactos de COVID-19 no que se recollen as medidas, protocolos e procedementos de actuación a seguir polos concellos que integran a Mancomunidade.